martes, 24 de octubre de 2017

Unha vella mina de cobre esquecida na Devesa da Rogueira

Cerca do camiño que atravesa o célebre bosque do Courel hai vestixios dunha expotación abandonada


.
GUILLERMO DÍAZ AIRA

FRANCISCO ALBO
QUIROGA / LA VOZ 24/10/2017 05:00 H

No entorno inmediato do célebre bosque da Devesa da Rogueira encóntrase un testemuño singular da historia da minería da Serra do Courel que ata agora estaba praticamente esquecido, excepto para os veciños das poboacións máis próximas. É a vella mina de cobre de Veigadoso, que data de principios do século pasado. O lugar foi localizado recentemente por Guillermo Díaz Aira, coordinador do albergue de Quiroga, que pasa con frecuencia polas cercanías para levar grupos de visitantes a percorrer o bosque. A vella mina será incluída proximamente nas rutas turísticas que organiza este centro.

Segundo explica Díaz, «chámanlle a mina de Veigadoso, pero máis que unha mina é unha cata mineira que se realizou hai moitos anos para buscar un filón e que acabou sendo abandonado porque non o deberon considerar rendible». Consiste nunha cavidade aberta nunha parede rochosa xunto a unha pequena fervenza que na actualidade está totalmente seca. Debido a súa complicada situación -engade- é imposible obter fotografías da súa abertura a non ser que se utilice un dron. «Pero iso non quere dicir que o acceso sexa difícil, porque non presenta problemas se se trata de grupos reducidos de persoas e incluso é apto para rapaces», apunta Díaz por outro lado. O sendeiro que se abriu no seu día para chegar á explotación segue sendo praticable, sinala.

Catálogos oficiais


A pesar de que moi poucas personas coñecen a súa ubicación, a mina de Veigadoso figura nos catálogos do Instituto Geológico y Minero de España (Igme). «O que pasa é que está mal sinalada nese catálogo e se alguén se guía polas indicacións que dá o documento non a conseguirá encontrar», apunta Díaz, que a localizou coa axuda dun veciño de Moreda. O lugar áchase a uns douscentos metros de distancia do camiño principal que percorre a Devesa da Rogueira. O desvío que leva á mina está aproximadamente a un quilómetro e medio da aula da natureza de Moreda, onde comeza a ruta principal que atravesa o bosque.


As paredes do interior da pequena cavidade mineira mostran unhas peculiares coloracións debido á presenza do mineral de cobre -ademais de cinc e chumbo-, con tons verdosos, azulados, violetas e incluso rosados. «Tal como se encontra hoxe ten un valor didáctico importante, porque axuda a explicar a historia das explotacións mineiras do Courel e resulta especialmente interesante para visitas escolares», apunta Guillermo Díaz. Grazas á súa cercanía á ruta da Rogueira -agrega- é moi fácil integrala neste itinerario como unha mostra máis do patrimonio natural e histórico da serra.
Un novo elemento que engrosa os recursos do futuro xeoparque

O museo municipal de xeoloxía de paleontoloxía de Quiroga xa dispón dunha mostra de mineral da mina de Veigadoso que lle foi facilitada por Guillermo Díaz, quen considera que este enclave pode encadrarse perfectamente nas rutas de visita do xeoparque que pretenden crear os tres municipios da comarca. Díaz sinala por outra parte que a mina da Devesa da Rogueira non é a única da serra que aparece mencionada nos catálogos do Igme e que está esquecida hoxe en día. «O inventario sinala outras minas abandonadas esta no alto do Couto e Paderne, por exemplo, que sería interesante tratar de recuperar», engade.

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lemos/2017/10/24/unha-vella-mina-cobre-esquecida-na-devesa-da-rogueira/0003_201710M24C4991.htm#